Alcaldesa ilexítima, goberno ilexítimo

Publicado o febreiro 27, 2010 - Arquivado en Sen clasificar | 1 Comentario

A Alternativa Canguesa de Esquerdas, da que a FPG fai parte, analiza neste documento o acontecido nestes 3 anos de goberno de coalición na vila de Cangas. A actitude feixista da alcaldesa do BNG, propia verdadeiramente dunha gobernante da extrema-dereita, propiciou a ruptura do pacto de goberno coas súas continuas inxerencias, co seu quefacer cotián totalmente afastado do que se espera dun goberno coaligado e de esquerdas, coas manobras escuras e o sorprendente comportamento no conflito de Massó como colmo do seu desnortado camiño. Velaquí o texto íntegro do documento da ACE, que se pode descargar premendo nesta ligazón: DIPTICO01ACE

A alcaldesa e o seu socio do PsoE representan unha minoría do pobo

"As eleccións municipais do ano 2007 deixaron un veredicto moi claro ditado polo pobo de Cangas: ningún partido dispuxo da maioría suficiente para formar un goberno dunha soa cor, o cal obrigaba a negociacións para artellar maiorías suficientes que fosen quen de gobernar o Concello.

Na ALTERNATIVA CANGUESA DE ESQUERDAS tivémolo claro desde o primeiro día: a nosa obriga –porque así o manifestaramos no noso programa e na campaña electoral- pasaba por favorecer a creación dun goberno alternativo de esquerdas para substituír o do Partido Popular que durante oito anos gobernara Cangas ao seu antollo.

Alentamos, pois, e subscribimos, un PACTO ELECTORAL que lle deu a alcaldía ao BNG, como Grupo de esquerdas máis votado, pero cunhas condicións moi claras: Políticas progresistas e de esquerdas, afastadas das dinámicas propias do Partido Popular, e nomeadamente promover un urbanismo sostible e non especulativo que tivese como obxectivo principal a conservación dos sinais de identidade do noso Municipio e non a aportación económica ás arcas do Concello.

No pacto de goberno, asinado por nós, pola responsable do BNG e actual alcaldesa e polo responsable do PSOE e actual tenente de alcaldía, concretábase ademais a oposición do goberno resultante ao porto deportivo e á urbanización proxectada en Massó e se lle asignaba a ACE a Concellería de Urbanismo (ademais das de Cultura, Educación, Patrimonio Histórico e Persoal e Réxime Interior).

ACE foi fiel desde o primeiro ata o último día ao pacto de goberno asinado, pero desde o Grupo do BNG xa alentaron ben ao principio os problemas (á parte dos que mantiveron co PSOE ou coa concelleira Begoña Pérez Santaclara) ao acusarnos de non recadar o suficiente diñeiro desde o departamento de urbanismo, polo que a idea do crecemento sostible quedaba baixo terra.

Continuou despois o BNG, e máis concretamente a alcaldesa (á que o resto dos membros do seu Grupo lle fan de procesión dos “caladiños”) montando un goberno paralelo entre ela e os funcionarios de confianza do PP, fundamentalmente a ex-secretaria (hoxe en Vigo) e o Xefe de urbanismo (agora na Xunta do PP –que casualidade, non si?-). Ao mesmo tempo viñeron as inxerencias nos departamentos que lles correspondían aos outros Grupos, facendo e desfacendo ao seu antollo, sen contar c@s concelleir@s responsables, e rematou a faena co cese de facto do concelleiro Mariano Abalo das responsabilidades en Urbanismo que asumiu ela directamente para darlle carta branca a canta operación especulativa se fraguaba en Cangas (e a de Massó é só o exemplo máis sangrante). O BNG ROMPEU unilateralmente, xa que logo, o PACTO DE GOBERNO.
A ALTERNATIVA CANGUESA DE ESQUERDAS deulle tres meses ao BNG para chegar a un diálogo que permitise retomar o pacto, pero este grupo de caladiños baixo as ordes dunha verdadeira ditadora, propia dun goberno da extrema dereita, nin se dignou a contestar as nosas peticións, pretendendo seguir adiante cun programa de goberno que supón un engano e unha tomadura de pelo a tod@s @s votantes de esquerdas deste municipio.
Que a ninguén lle extrañe, pois, que ACE abandonase un goberno inexistente tras a ruptura do pacto por parte do BNG porque @s seus concelleir@s non estaban dispostos a seren cómplices de maneiras dereitosas e mesmo mafiosas de facer política.
E para ilustrar o que dicimos podemos falar, entre outras cousas, do cambalache das obras aprobadas para o 2º Plan E, no que se van gastar máis dun millón de euros nun edificio para as persoas maiores (unha planta) e para a policía local e protección civil (A policía xa ten local e a protección civil se lle podía buscar unha ubicación moito máis barata e legal). Destínanse ademais 600.000 € en acondicionar o campo do Alondras, cando, de seren menos prepotentes e de levaren unha negociación clara e transparente coa Comunidade de Montes de Darbo, por 200.000 € menos teriamos un campo en condicións e de uso público, ademais do Alondras que tamén o necesita. En cambio – que casualidade!- a obra do pavillón do Colexio de San Roque para uso escolar e público, defendida por ACE e de verdadeira necesidade, foi sendo rebaixada desde os 800.000 € da primeira estimación aos 600.000 € do anteproxecto inicial e aos 400.000 do final.
E mentres, inversións imprescindibles na parroquias seguen esperando, por falta de cartos, outra oportunidade porque desde este goberno minoritario se priman as obras de escaparate.
Nós, os concelleiros e a concelleira de ACE, NON VIVIMOS DA POLÍTICA, e, polo tanto, se temos que abandonar o poder municipal por defender actuacións transparentes e os máis elementais principios democráticos, facémolo sen máis. Outras e outros está claro que non poden dicir o mesmo.
ACE deixou o Goberno de Cangas por coherencia cos seus principios políticos e co seu programa electoral, polos que seguirá a traballar sen descanso desde a oposición actual ou desde onde o pobo de Cangas decida situala no futuro.
O que está claro é que os demais, os que seguen a querer gobernar Cangas sen apoios, fano desde agora coa ILEXITIMIDADE que lles dá representar a unha mínima minoría do pobo de Cangas.

A Alcaldesa e o seu Tenente foron postos aí por unha maioría de trece votos sobre vinte e un. Hoxe cantos manteñen? Oito ou nove. Como moito! Pero el@s seguen como se nada. O que menos lles importa é a lexitimidade que só poden otorgar os votos libres. El@s van ao seu, e o seu son intereses moi distintos aos da veciñanza, á que traizoaron co seu xeito de facer política.
ACE, dende fóra do goberno, comprométese a seguir defendendo os intereses do pobo de Cangas por enriba de todo. Así o fixemos estes anos desde o goberno e así o faremos desde agora na oposición. A nós nin se nos compra nin se nos dobrega. O noso compromiso é inamovible e estivo e segue a estar no programa electoral co que nos presentamos ás eleccións municipais. Seguiremos loitando por el coa cabeza ben alta".

ALTERNATIVA CANGUESA DE ESQUERDAS

A.C.E.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Mesa redonda arredor de Massó

Publicado o agosto 28, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | Escribe un comentario

FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

  SERIE DE MESAS REDONDAS ORGANIZADAS POLO FORO SOCIAL DE CANGAS

  1. Massó: qué se pode facer legalmente en Massó?

Leis portuarias, o dominio público, a ordenación do territorio, as figuras de protección, as competencias das diferentes administracións, licencias municipais, convenios, corrupción urbanística, responsabilidades penais...

Día 28, venres, na Lonxa de Cangas, as 19 horas

 

  1. Massó: a organización cidadán ante os abusos do capital

A marbellización, historia da oposición á marbellización en Cangas, as redes de colectivos, formas de loita, ferramentas de loita, (administrativas, xudiciais, informativas, as mobilizacións, o activismo), dereitos fundamentais, a represión, a manipulación da información, os obxectivos...

Día 30, domingo, na Lonxa de Cangas, as 19 horas

 

  1. Massó: recursos pesqueiros e emprego

Recursos pesqueiros na ría de Vigo, recursos na área do Salgueirón, os artes, valor económico dos recursos, repercusión na poboación, o “desmantelamento” da pesca de baixura e o marisqueo, os intereses privatizadores na costa, utilización do dominio público. Proxectos especulativos, o seu efecto. Proxectos de centros comerciais, o seu efecto sobre o comercio cangués. Posibilidades de creación de emprego sobre as instalacións de Massó...

Día 1, martes, na Lonxa de Cangas, as 19 horas

 

  1. Massó: espazo público e ecoloxía

O Salgueirón na actualidade, necesidades da vila de Cangas. Natureza, ecoloxía e paisaxe. A ría de Vigo como unidade biolóxica. Protección da ría. Proxectos destructivos na ría. Urbanismo, espazos libres e zonas verdes. Protección e mellora ambiental. A natureza como recurso...

Día 3, xoves, na Lonxa de Cangas, as 19 horas

 

  1. Massó: ideas e posibilidades reais, qué facer en Massó?

Creatividade, ideas utópicas, ideas factibles, posibles proxectos públicos, posible expropiación, posibilidades legais e políticas, a vontade de pobo, un posible referendum?....

Día 5, sábado, na Lonxa de Cangas, as 19 horas

 

Esquema participativo.

Local: lonxa de Cangas

Duración máxima: 2 horas

Moderadora:Mónica Camaño

Lectura de proposta de comunicado de consenso (elaborado previamente entre Foro e invitados/as)

Tentarase invitar a representantes dos distintos partidos e partes interesadas no tema.

Quendas iniciais de 5 minutos ou tempo correspondente a un máximo de 30 minutos

Discusión entre invitados máximo 30 minutos

Preguntas, intervencións do “publico” e discusión conxunta

Votación de puntos de acordo

Lectura de comunicado de consenso

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Mariñeiros e mariscadores da Ría de Vigo mobilízanse o 11 de setembro

Publicado o agosto 19, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | Escribe un comentario

masso

Na xornada de hoxe, mariñeiros e mariscadores da Ría de Vigo e doutros lugares acordaron manter un paro total  (24 horas) para o 11 de setembro como un outro xeito de protesta e de rexeitamento ao porto especulativo de Massó. Haberá tamén unha concentración de embarcacións no Salgueirón contra as 11h.

Adiante o pobo ! Adiante a loita veciñal!

Non ao porto deportivo, non á especulación en Massó.

Venceremos!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

FERRÍN CO POBO DE CANGAS. NON ESPECULACIÓN MASSÓ

Publicado o agosto 14, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | Escribe un comentario

ferrin_1Velaquí o artigo de X. L. Méndez Ferrín no Faro de Vigo do 14 de agosto:

En defensa da Ría de Vigo

Sendo eu neno fun levado á fábrica de conservas de Massó, Cangas, para unha visita escolar. A factoría pareceume inmensa e a sensación de orde, disciplina, limpeza, racionalidade, produciume un forte impacto. Admiroume saber que, alén da fábrica, Massó era casa armadora dunha enorme frota de pareghas e de bous de ferro que ían e viñan permanentemente de Cangas ao Grand Sole de Irlanda. Alí traballaban milleiros de persoas. O noso guía ponderou as belas proporcións das casas dos cadros administrativos e o Kindergarten no que xogaban felices os meniños das obreiras pulcras uniformadas, que eran lexión. A torre e a cheminé da factoría parecéronme de dimensións colosais. Ouvín decer moitas veces, a partir daquela miña visita infantil, que a de Massó en Cangas era a máis importante e moderna fábrica de conservas de peixe de Europa e do Mundo. Sempre que navegamos a ría de Vigo ollamos cara o Salgueirón, cara Balea, e alí a está ela: a fábrica de Massó.
Esoutro sábado estivemos en Cangas para apoiar a confraría de pescadores, o Foro Social e a ACE na defensa do mar e dos intereses populares contra a barbarie capitalista e predadora. O que era miniño é agora un vellote, ou sexa eu. Volvín estar na fábrica de Massó e o que fora esplendor é patética decadencia. Onde se traballaba e se producía en masa, a penas uns despoxos. A sombra do pasado estremece a alma. No alto dun arcolito do parque que tamén era Massó, unha enorme pancarta contra a especulación inmobiliaria e contra a represión policiaca dos veciños mobilizados. Non hai vidros enteiros. Os tellados afúndense. "Estos, Fabio, ay dolor/ que ves ahora,/ campos de soledad triste collado/ fueron otrora Itálica famosa". Non sei sei cantaba exactamente así o clásico catalán.
O caso é que a fábrica de Massó hoxe mete medo. Os seus donos retíranse da industria e entregan os inmensos espazos territoriais ao negocio inmobiliario. Este leva o nome (directamente importado de California) de Marina Atlántica. O proxecto é encargado a un arquitecto de fachada cuxo nome, coido que Forster, unido á operación terá un efecto que en Cangas chaman engado. Da fabricación, da industria, do que hoxe chaman innovación, pasamos á vulgaridade da especulación inmobiliaria que tanto contribuiu a que esteamos onde estamos. Finalmente, Marina Atlántica externalizará a súa operación conseguindo que os poderes públicos lancen sobre a ría unha nova ponte que multiplique os beneficios. Niso pensan.
E para que o negocio poida ser redondo e plenamente californiano, Marina Atlántica precisa dun porto deportivo. Apresuradamente a autoridade portuaria de Vigo, en mans de Corina Porro e do PP, concede autorización para que o capital ocupe, máis unha vez, os fondos da ría de Vigo, que son propiedade do pobo galego. Unha enorme extensión de fondos mariños, que dan de comer a moitedume de familias de mariñeiros, serán extinguidos polos bloques de betón. A vida retirarase, mais unha vez, da ría. A ría farase aínda máis pequena. A riqueza dividida harmoniosamente e de xeito renovado e permanente entre os mariñeiros concentrarase nas mans mortas dos novos colonos.
E así están as cousas. Dunha banda os partidos políticos de Cangas e Galicia que, en graus diferentes, apoian ou aceptan a invasión colonial que pretende Marina Atlántica: PP, PSOE, BNG. Na resistencia ao abuso e ao roubo do dominio público figuran a Confraría de Pescadores, O Foro Social de Cangas, os partidos de ACE e os concelleiros incorrutibles Pazos, Maruchi e Abalo. Naturalmente, a presente columna sae á luz para, na súa humildade, darlle forza a estes últimos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

BEIRAS CO POBO DE CANGAS. NON ESPECULACIÓN MASSÓ

Publicado o agosto 9, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | Escribe un comentario

beiras_2315781Velaquí o artigo de Xosé Manuel Beiras publicado o domingo 9 en Galicia Hoxe.

"Massó", os desalmados e a resistencia

XOSÉ MANUEL BEIRAS

Foi este primeiro sábado de agosto, á tardiña. Descéramos en auto polo mapa da Galiza abaixo, dende o Brión da Maía ao Cangas do Morrazo, o Cangas tamén da "María Soliña" que cantaran os mozos das "Voces Ceibes" hai ben anos xa, no tempo das loitas contra o fascismo opusdeísta español imperante no tardo-franquismo. Foramos agora convocados polos mariñeiros e aqueloutras xentes de ben do común que non aturan pasivamente falcatruadas do poder nen renuncian á resistencia. Sí, á resistencia cívica, ou sexa, a exerceren activamente como cidadáns a cotío e mobilizárense en defensa dos dereitos fronte ao poder cada vez que o poder esmaga os seus dereitos, en defensa da xustiza fronte á lei cada vez que a lei prostitue á xustiza. Porque nésas estamos, infelizmente. Un sistema depredador insaciábel que devora seres humáns e natureza para alimentarse, medrar e reproducirse a sí mesmo, como unha enorme planta carnívora que só ten vida vexetativa, mais nútrese de sustancia humán. Que cousifica tódolos valores enxendrados polas culturas dos povos para reducilos a un só, aquil que se cotiza nos desalmados mercados financeiros. Que instrumentaliza a lei e o dereito para pólos ao servizo da sua voracidade no canto de serviren para regular a vida social conforme a principios de xustiza e ben do común. Que, dende a sombra de despachos inaccesíbeis a ese común, dicta as suas ordes aos inquilinos das institucións dun irrisorio poder político, e os chantaxea e defenestra sen escrúpulo ningún no caso infrecuente de non obedecérenas. Que narcotiza todo canto pode as conciencias con toda caste de estupefacientes químicos e ideolóxicos para alienalas e escravizalas, para reducir aos seres humáns á condición de servos non-pensantes, de canciños-de-paulov movidos por instintos primarios e reflexos condicionados sempre ás ordes do seu amo, mesmo para que, chegado o caso -e adoita chegar a miudo- se devoren uns aos outros no canto de unírense para aniquilalo e liberárense desa tiranía. Mais, no entanto, hainos aínda que din non -"diguem no", cantaba o valencián Raimon ao unísono coas Voces Ceibes galegas- hainos aínda que se alistan na resistencia, hainos agora no Morrazo que aínda non esqueceron a María Soliña. Onda eses resistentes con memoria e dignidade fomos este primeiro sábado de agosto, na tardiña, pra defendermos o patrimonio natural fronte aos depredadores, os dereitos e a xustiza populares contra os ocultos xerarcas desalmados dun desalmado poder.

O caso é Massó. Si, desta vez, o caso chámase Massó. A factoría que fora buque insignia da industria conserveira galega, deserta agora, alí está aínda. Millor debera dicir que alí xacen os seus restos, no Salgueirón, pasado o porto de Cangas pola beiramar cara a fóra.. Alí xacen os despoxos, o esquelete da fábrica -inconfundíbel alzado de arquiteitura industrial modernista- os peiraos de atraque da frota que en tempos fora propria, os galpóns de reparación dos pesqueiros, o edificio da administración, as casas dos empregados principais, até unha colección de enormes e enferruxadas "portas" dos aparellos de arrastre arrimadas aos muros de contención como dislocadas instalacións de "arte póvera". E a natureza tamén, ao pé do malecón da fábrica, os rochedos e coídos que se prolongan alén dela deica a restinga da Punta Balea e son viveiro natural de marisco e peixes das pedras, e da banda de terra firme, a enorme e ramallosa finca do Salgueirón que debera xa ser parque público natural da vila de Cangas para disfroite dos seus cidadáns.

Esa fábrica de Massó en Cangas, o mesmo cá de Bueu, morreu vítima, conxunta e combinadamente, da incuria empresarial, a inepcia política e... o Mercado Común Europeo -"ruina do povo galego", lembrádesvos?. Ás dinastías das grandes familias conserveiras do XIX- XX galego pasoulles como á dos Austrias do XVI-XVII español: un proceso dexenerativo que rematou na sua extinción. Só que extinción biolóxica no segundo caso, e extinción só empresarial no primeiro. Massó, como Curbera, Alfageme e tantos outros, son apelidos en orixe cataláns afincados na Galiza dende hai ben tempo. Uns xa coa primeira fornada, a dos famosos "fomentadores" no salgado, no XVIII, os que chegaran cando a economía catalá estaba en crise e a galega frolecía, cando Galiza tiña unha densidade de poboación dobre que a de Catalunya. Viñeran e mudaran as técnicas do salgado. E as artes de pesca: o noso ilustrado Cornide pleiteara con iles en defensa dos mariñeiros indíxenas, por introduciren os cataláns a xábega, máis depredadora, en detrimento do xeito, máis ecolóxica -diríase hoxe. Mais non só polo "xeito" de pescar: tamén polo xeito en que os esplotaban. Outros, cando o salto do salgado á conserva, ben andado o XIX. En Vigo, instaláranse maiormente no Areal da Barxa, que por iso foi alcumado popularmente como Areal dos Cataláns. Industria tecnolóxicamente punteira no seu tempo, fosen cataláns ou galegos os empresarios, a conserva foi un dos tres pés da trepia do noso complexo mar-industrial. Mais, no período do franquismo, mudou a sua traxectoria, os máis clásicos adurmiñaronse, afixéronse ao gasto suntuario desmedido, deixaron de innovar, pasaron empresarialmente de conserveiros a conservadores, deviñeron obsoletos. As condicións da adesión española ao MCE deulles a puntilla: unha "reconversión" forzosa remudou o empresariado conserveiro. Nela sucumbíu Massó.

Entramentras, os homes e mulleres da Galiza mariñeira foran os protagonistas sufridores desa historia, dende a época do salgado á da conserva. En tódalas fases de proceso, tanto as de ascenso e apoxeo canto as de crise e depresión, foron iles e máis elas a quen lles tocou estar sempre ás duras e cáseque nunca ás maduras. Aos mariñeiros, como fornecedores da materia prima, estaren a expensas das condicións e prezos xeralmente controlados polas industrias transformadoras. A elas, como traballadoras en condicións sociais, laborais e salariais xeralmente precarias e a miudo infames, en ocasións con "dereito de pernada" incluído, e até tempos ben recentes: non esquezo, sendo eu xa deputado, aquil enxendro de figura laboral das chamadas "fixas discontínuas", nen tampouco o correlativo rexime de seguridade social -que até resulta escandaloso denominalo dese xeito. E logo, uns e outras, cando comeza a crise definitiva do sector, por riba simultáneamente coa crise e progresiva mutilación da pesca de altura, da de baixura e máis do marisqueo, foron as auténticas vítimas do desastre: os donos das empresas tiñan o patrimonio inmobiliario, que nunca, que eu saiba, lles foi expropriado; en troques, mariñeiros, traballadoras e mariscadoras non tiñan outro patrimonio que a sua forza de traballo, ésa sí "expropiada" por despidos, peches de factorías, perda de caladoiros e, para remate, invasión de franxas costeiras sucesivas con recheos, portos deportivos e misereredómines. Así ocurríu con Massó en Cangas -faltaba máis.

Nos últimos decenios, coa prolongada recesión e intermitente crise da economía produtiva, a resurreición do "rentista" ao que Keynes tentara facerlle a sua famosa "eutanasia", e o ascenso do capital financeiro á hexemonía sobre o capital industrial, as operacións especulativas desprazaron progresivamente aos investimentos produtivos, a economía das "burbullas" sustituíu á economía real: a "burbulla" da promoción e a construción, ou sexa, en prata, a especulación co solo, coa edificación e coa "urbanización" (?) convirtiuse no primordial e mesmo cáse único motor da irracional dinámica do "capitalismo do desastre" -así bautismado por Naomi Klein- nas nosas latitudes. Unha irracionalidade delirante que rebentou na actual crise. Nese contexto, a fábrica de Massó no centro de Bueu convirtiuse nun solar "produtor" de multimillonarias plusvalías especulativas, e a de Cangas, coa imensa finca do Salgueirón, encetou o mesmo roteiro. Só a activa determinación dos cidadáns exercentes como tais impedíu até agora o expólio dese ben común da cidadanía, a agresión aos ecosistemas do litoral que implica, e a desposesión de máis outro espazo natural de traballo e meios de vida de mariñeiros e mariscador@s que esa aduanada especulativa leva aparellada. Mais a cobiza depredadora e especuladora dun poder desalmado non atende a razóns nen respeita valores ningúns, nen naturais nen sociais, nen ambientais nen culturais. Pouco importa que fose precisamente esa pauta de conduta a que provocou a actual crise: a ese poder tanto lle ten, sabe que os governos que il controla ou chantaxea volverán botarlle a il o salvavidas mentras os cidadáns afogan no naufraxio. Un poder que anda a destruir os ecosistemas do planeta enteiro, e a diezmar con fame, guerra e pestes a humanidade, un poder que non quer saber de dereitos humáns nen da natureza, un poder que non vacila en praticar o xenocidio e o etnocidio cando lle compre, non vai reparar mentes nun minúsculo destrago nunha minúscula ría para un minúsculo ecosistema que, a maior abondamento, só vai padecelo un minúsculo fato de minúsculos cidadáns reducidos a inda máis minúsculos súbditos da liliputiense autonomía galega, hoxe racista, xenófoba e ecocida.

Só a rebelión dos cidadáns unidos pode impedilo, dos cidadáns exercentes que dicimos non a esa nova metamorfose da tiranía legalizada, que praticamos a resistencia a tódolos seus desmáns. Ou sexa, que exercemos a democracia: "en cada esquina un amigo, en cada rostro a igualdade" -que cantara o Zeca Afonso. Xa.

 

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Entrevista a Mariano Abalo, concelleiro de Urbanismo da ACE

Publicado o agosto 7, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | Escribe un comentario

Velaquí a entrevista a Mariano Abalo, concelleiro de Urbanismo da ACE, publicada no Faro de Vigo do 7 de agosto de 2009.

 

marianoOs acontecementos arredor do porto deportivo de Massó volven a dar unha imaxe de conflictividade e sitúan a vostede no eixo do conflicto. ¿Non é perxudicial para o municipio?- Cangas é un orgullo para nós porque é a vila máis encantadora de Galicia, pero tamén aspiramos a ser a máis digna e combativa. Porque amamos a paz, que é o dereito a que non nos rouben o que é noso, e iso fainos un pobo aínda máis atractivo.

 

–Di a alcaldesa que non se pode vivir en permanente estado de excepción.–O estado de excepción que vive Cangas creouno quen non moveu un dedo cando o noso pobo se encheu de antidisturbios da Guardia Civil e quen enmudeceu diante da detención dunha concelleira do equipo de goberno xunto con mariñeiros, ata un total de 16 persoas. Tremenda solidariedade e democracia nunha vila cun goberno de esquerdas.

 

–¿Cré que hai unha maioría social en contra das obras no Salgueirón? Porque hai voces que critican que son uns poucos os que manteñen o pobo paralizado, e mesmo "secuestrado".–As manifestacións e as accións de protesta deixaron sen argumentos aos que decían que isto era cousa de catro. As miles de persoas que se mobilizan deixaron a cada quen no seu sitio. Decir que Cangas ten 25.000 habitantes e que moitos quedaron na casa é o mesmo que cando Sotelo decía que o PXOM iría adiante ainda que saíran á rúa 50.000 persoas. Equivócanse igual que cando se di que hai veciños que están a favor das obras. ¿Acaso se pretende xustificar un cambio de chaqueta?

 

–A quen lle esixen un cambio de actitude é a vostede. A alcaldesa di que se non o fai non pode seguir no goberno de Cangas.–Clara Millán, e sobre todo o BNG, deben reflexionar: ou se cumpre o programa de goberno de xuño de 2007, asinado por BNG, PSOE e ACE, ou isto é unha estafa política e social. Nin Mariano Abalo nin ACE deben cambiar a súa actitude, porque non poden nin deben traizoar ao seu electorado e a Cangas. Estamos abertos ao diálogo e á reflexión, pero non a rendirnos. Por iso hai que parar o porto deportivo. Se non é virar á dereita, e nós defendemos un Cangas de esquerdas. Aí si nos atoparemos.

 

–¿Sinte que o seu cargo municipal periga?-Serán outros os que teñan que respostar, porque nin Mariano Abalo nin ACE están en venta. Non somos nin uns virachaquetas nin uns vendidos. Non decimos unha cousa na oposición e outra no goberno. Podemos chegar a acordos, pero non traizoar ao noso pobo.

 

–¿Refírese a Clara Millán? ¿Cré que non está a facer todo o que debe e pode?–Ser alcalde ou alcaldesa non é ser un funcionario máis. Hai que saber tomar decisións, Se non, é mellor marchar para a casa. Se se delega en min como concelleiro de Urbanismo, como permite o regulamento, garantizo que en menos de 24 horas soluciono o problema de Massó, amparándome nos pertinentes informes xurídicos. Mesmo este próximo luns é posible que se paralicen as obras. Xa se fixo antes cos sinais. É un problema de saber que se quere. Ou estás cos mariñeiros e co pobo sensibilizado co futuro de Cangas ou estás cos especuladores que tanto criticabamos cando gobernaba Sotelo.

 

–¿Acaso é o BNG o que mudou de parecer?–O PP trata de gañar a Clara Millán para a súa causa e o seu programa corrupto, pero dubido que esa coincidencia sexa a que persiga o BNG. Cónstanos que moitas persoas e militantes desa organización non están dacordo con esta postura. A proba é que se houbese un referéndum, como antes defendía o BNG, nunca respaldarían o porto deportivo nin o convenio urbanístico.

 

–¿Que vai pasar se non hai entendemento político? ¿Ten futuro o tripartito?–Se se respetan os acordos de goberno, desde logo. Pero, ou hai un cambio de rumbo ou a dereita volve a gobernar Cangas.

–As posicións sobre o porto de Massó están moi enfrentadas. A empresa afirma que ten toda a documentación en regla e non vai recuar. E vostede di que o arregla nun día se lle dan o mando ¿Que solución ofrece?
–Non vale pedir remedios á Autoridade Portuaria de Vigo nin a Corina Porro. Hoxe a solución témola en Cangas. Con vontade política e legal párase o porto deportivo e salvamos Massó. A Autoridade Portuaria fixo toda unha chapuza ilegal, e agora non o vai recoñecer porque está todo podre e non queren comerse o marrón das indemnizacións e responsabilidades legais, debido a que todo se fundamentou en actos nulos de pleno dereito e en auténticos fraudes de lei. Afortunadamente, a ese fraude enfréntanse con firmeza a Confraría de Cangas, co apoio de moitos mariñeiros máis alá do noso concello. Insisto, se a alcaldesa delega en min as competencias, en 24 horas paralizo as obras.

 

 

–¿Non quedan posibilidades pola vía do diálogo?–Pola nosa parte, as negociacións danse por pechadas. Desde Urbanismo negociouse ata o agotamento, pero o diálogo quedou roto ao decir a empresa que non vai renunciar a construir o porto deportivo. Desde ese punto de vista non hai posibilidade algunha de negociación, e a única vía é que o Concello lle pare os pés e acabouse o negocio. Porque a empresa non vai investir unha millonada nun porto cando despois non vai poder construír nada en terra.

 

–¿Que quere decir? ¿Acaso pensa establecer limitacións do Plan Xeral que fagan inviable o proxecto da promotora?.–O que vai quedar claro é que as súas intencións van chocar coas nosas, e os terreos do Salgueirón serán para uso e disfrute dos veciños de Cangas. Xa hai documentos escritos que o reflexan, pero non vou entrar máis a fondo no asunto.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

1 de agosto. Manifestación contra o porto deportivo de Massó

Publicado o xullo 29, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | Escribe un comentario

Este sábado, día 1, ás oito da tarde e dende a Alameda Vella, haberá manifestación contra o porto deportivo ilegal que queren facer no Salgueirón convocada pola confraría de Cangas. Apoiamos esta convocatoria porque cremos que é o momento de facerlles ver aos nosos socios do grupo de goberno que teñen que ser consecuentes cos acordos asinados hai agora dous anos e coa liña política de oposición ao cúmulo de irregularidades que rodean o pelotazo de Massó. Dende que se asinou o pacto de goberno só a Alternativa Canguesa de Esquerdas permaneceu fiel á letra pero sobre todo ao espírito daquel pacto que rexeitaba a marbellización da nosa costa, que apostaba polo desenvolvemento sustentable do noso concello pero que sobre todo incidía en que  chegara o momento de que o futuro de Cangas se decidise na vila e non dende os despachos da autoridade portuaria, de Caixanova ou do concello de Vigo. Por un motivo ou por outro, as dúbidas e a inacción veñen caracterizando a actuación do BNG e do PSOE arredor do conflito de Massó dende que teñen responsabilidades de goberno. O continuo boicot ás iniciativas articuladas dende a ACE para impedir que Marina Atlántica, isto é Caixanova, a promotora, e Puentes y Calzadas, construtora, fagan o que lles pete en Massó merece unha resposta contundente do pobo de Cangas, que masiva e democraticamente demostrou o seu rexeitamento ao pelotazo urbanístico hai dous anos. Hai que saír á rúa este sábado para defender a ría, hai que ir á mani para apoiar aos mariñeiros e á pesca de baixura, para berrar que queremos un outro modelo de desenvolvemento máis intelixente e respectuoso. Hai que lembrarlles a todas e todos os responsables desta ilegalidade que non imos calar nin mirar para outro lado diante das súas reviravoltas políticas e que non nos enganan co bombardeo mediático que só tenta agochar quen move realmente os fíos de todos estes monicreques dende o seu sillón de banqueiro.

cartazmani010809

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Brutalidade policial na defensa dunha ilegalidade

Publicado o xullo 22, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | Escribe un comentario

O último das e dos 16 detidos onte en Massó quedou en liberdade hoxe sobre as 16:00 horas, despois de prestar declaración nos xulgados de Cangas. 5 dos detidos, entre os que está a nosa compañeira Maruchi Álvarez, concelleira de ACE, terán que se presentar cada quince días nos xulgados, segundo o seu avogado probablemente durante un ano, mentres non se celebre o xuízo ao que comparecerán acusados dun delito de atentado contra a autoridade. O avogado dos acusados pediu que o xulgado obitvese os videos gravados  por varias cadeas de televisión, onde se pode ver perfectamente o acontecido. Unha actuación desmedida e brutal dos axentes antidisturbios cuns manifestantes que pacificamente tentan paralizar unha obra ilegal. Diante da brutalidade empregada polos axentes da Garda Civil os e as detidas estudan presentar unha demanda conxunta polo trato denigrante, torturas e vexacións sufridas. Por outra banda, varios dos detidos denunciaron o lamentable estado das celas dos cuarteis de Cangas e Pontevedra, que se encontran nunhas condicións infrahumanas, con manchas de sangue e colchóns e cobertores noxentos.

Por outra banda, á tardiña celebrouse unha nova asemblea na casa do concello, onde máis de dúascentas persoas decidiron continuar coas mobilizacións e volver mañá ás 8 da mañá a Massó para seguir paralizando de xeito pacífico as obras ilegais. Despois do remate da asemblea, a veciñanza e os mariñeiros deron en ir a andar até a Lonxa, onde rematou a concentración.

Por desgraza, o continuado uso da Garda Civil como un corpo de seguridade privado ao servizo dos intereses de Caixanova, propietaria, e Grupo Puentes, construtora, é acrecentado agora coa montaxe que pretende converter os agredidos en agresores, cunha actuación da subdelegación do goberno e da Garda Civil que recorda lamentablemente épocas e situacións que un estado debe superar se algunha vez pretende acadar a cacarexada democracia  que di ser. E mentres isto acontece, os socios de goberno de ACE seguen a mirar para outro lado,  seguen ausentes do seu labor de goberno, seguen sen estar.

dsc_0349

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

16 detid@s en Massó esta mañá

Publicado o xullo 20, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | Escribe un comentario

Esta mañá mariñeiros e veciñanza de Cangas continuaban coa protesta pacífica nas obras ilegais de Massó. No momento en que facían unha sentada para impedir o paso dun camión, fixeron acto de presenza os antidisturbios da Garda Civil e con grande violencia procederon a deter e  arrastrar até os seus furgóns a parte dos participantes no acto de protesta. Vivíronse momentos de tensión cando varios dos detidos, entre eles unha muller en muletas, foron tratados con moita dureza polas forzas represivas. Entre os detidos atópanse a concelleira de Persoal e compañeira de ACE, Maruchi Álvarez, así como varios mariñeiros e membros do Foro Social de Cangas. Malia as explicacións dadas polo concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo, sobre a ausencia de licenzas por parte da empresa construtora e o carácter pacífico da protesta, todos estes veciños e veciñas foron trasladados a casa cuartel da vila e arestora permanecen no seu interior sen que saibamos que sorte van correr. Alén de lesións leves producidas a varios e varias dos detidos e destacable que un dos manifestantes tivo que ser trasladado en ambulancia até un centro hospitalario, por mor da gravidade das súas feridas. Dende aquí, queremos mostrar a nosa solidariedade absoluta cos detidos e detidas e lembrar que a legalidade segue a ser vulnerada no noso concello mentres os responsables políticos miran para outro lado. Adiante a loita veciñal e mariñeira. SOLIDARIEDADE COS DETID@S!

masso01

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel acode a Massó para apoiar as mobilizacións

Publicado o xullo 15, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | 1 Comentario

Hoxe, martes 14 de xullo, un novo persoeiro, desta volta o intelectual arxentino descendente de mariñeiros galegos, Adolfo Pérez Esquivel, achegouse até o Salgueirón para mostrar o apoio a unha "causa xusta" e trasladar o seu ánimo e solidariedade ás persoas que decote se opoñen ao proxecto especulativo que os poderes financeiros pretenden desenvolver na zona. Deixámosvos un video cun pequeno extracto das súas palabras.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google Seguir mirando »