1 de agosto. Manifestación contra o porto deportivo de Massó

Publicado o xullo 29, 2009 - Arquivado en Sen clasificar | Escribe un comentario

Este sábado, día 1, ás oito da tarde e dende a Alameda Vella, haberá manifestación contra o porto deportivo ilegal que queren facer no Salgueirón convocada pola confraría de Cangas. Apoiamos esta convocatoria porque cremos que é o momento de facerlles ver aos nosos socios do grupo de goberno que teñen que ser consecuentes cos acordos asinados hai agora dous anos e coa liña política de oposición ao cúmulo de irregularidades que rodean o pelotazo de Massó. Dende que se asinou o pacto de goberno só a Alternativa Canguesa de Esquerdas permaneceu fiel á letra pero sobre todo ao espírito daquel pacto que rexeitaba a marbellización da nosa costa, que apostaba polo desenvolvemento sustentable do noso concello pero que sobre todo incidía en que  chegara o momento de que o futuro de Cangas se decidise na vila e non dende os despachos da autoridade portuaria, de Caixanova ou do concello de Vigo. Por un motivo ou por outro, as dúbidas e a inacción veñen caracterizando a actuación do BNG e do PSOE arredor do conflito de Massó dende que teñen responsabilidades de goberno. O continuo boicot ás iniciativas articuladas dende a ACE para impedir que Marina Atlántica, isto é Caixanova, a promotora, e Puentes y Calzadas, construtora, fagan o que lles pete en Massó merece unha resposta contundente do pobo de Cangas, que masiva e democraticamente demostrou o seu rexeitamento ao pelotazo urbanístico hai dous anos. Hai que saír á rúa este sábado para defender a ría, hai que ir á mani para apoiar aos mariñeiros e á pesca de baixura, para berrar que queremos un outro modelo de desenvolvemento máis intelixente e respectuoso. Hai que lembrarlles a todas e todos os responsables desta ilegalidade que non imos calar nin mirar para outro lado diante das súas reviravoltas políticas e que non nos enganan co bombardeo mediático que só tenta agochar quen move realmente os fíos de todos estes monicreques dende o seu sillón de banqueiro.

cartazmani010809

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Comentarios

Deixa unha resposta